
As asociacións de hostalaría apoian a implantación da taxa turística e a regulación das vivendas de uso turístico
O concelleiro Sindo Guinarte analizou co sector a situación do turismo en Santiago, así como as liñas de traballo que se están a desenvolver dende a Concellaría de Turismo.
O concelleiro de Turismo de Santiago, Sindo Guinarte, reuniuse no Pazo de Raxoi cos representantes das principais asociacións dos sectores aloxativo e de restauración de Santiago: Asociación Hostelería Compostela, Unión Hotelera e Hostalaria.gal. Na reunión analizouse a situación do turismo neste verán e tratáronse temas de importancia para o sector: a nova regulación para as vivendas de uso turístico, a taxa turística e o Plan de Sostibilidade Turística.
O concelleiro resumiu os principais datos turísticos deste verán, no que se están superando as cifras do ano 2019. Apuntou que ata xullo os establecementos hoteleiros da cidade suman xa preto de 800.000 pernoctacións, lixeiramente por riba das que sumaban no mesmo período do ano previo ao Covid. Tamén destacou os datos positivos do Aeroporto de Santiago-Rosalía de Castro, que neste verán se consolidou como o aeroporto co mellor comportamento de España.
Sindo Guinarte tamén explicou polo miúdo o obxectivo da nova regulación municipal sobre as vivendas de uso turístico. Segundo o concelleiro, a súa finalidade é limitar a proliferación desmesurada deste tipo de vivendas de uso turístico para evitar os seus efectos perniciosos na vida da cidade, como a competencia desleal co resto do sector aloxativo e o transvasamento de vivenda de alugueiro residencial a alugueiro turístico, que tería como consecuencia un aumento de prezos para a poboación local, coa conseguinte expulsión de residentes en Compostela a concellos veciños.
Na reunión tamén se detallaron os motivos do Concello para solicitar a aprobación dunha lei autonómica que permita a instauración dunha taxa turística en Santiago. Neste caso, os representantes do sector amosaron o seu acordo con esta taxa turística, xa que non tería impacto na demanda turística da cidade e serviría para que o propio fluxo turístico financiase o sobrecusto nos servizos municipais debido á multiplicación da poboación na cidade na temporada alta.
Finalmente, o concelleiro explicou o estado do Plan de Sostibilidade Turística, que será unha das ferramentas principais para que Santiago manteña o seu pulo turístico en 2023 e nos anos seguintes, unha vez rematado o Ano Santo. Neste ámbito, destacáronse cinco accións do plan: a creación dun observatorio local do turismo sostible, a elaboración dun plan de accesibilidade e deseño universal para os espazos de interese turístico da cidade, a convocatoria dun concurso internacional para a iluminación dos espazos próximos á Catedral que sería extensible a toda a cidade histórica, a creación do Centro de Cultura Gastronómica de Galicia e a licitación dun proxecto de sinalética de todos os lugares de interese turístico do concello.