O Concello aproba un convenio de colaboración coa USC para desenvolver accións concretas cara a un turismo máis sostible
20/05/2024 A Xunta de Goberno aprobou esta mañá o convenio de colaboración entre o Concello e a Universidade de Santiago para o desenvolvemento de traballos de investigación e actividades de I+D+i en materia de turismo sostible.
Ao respecto do convenio no ámbito do turismo aprobado pola Xunta de Goberno, a concelleira Míriam Louzao recordou que "a USC e o Concello compartimos a preocupación polo desenvolvemento dun turismo sustentable, que non altere a vida cotiá das persoas que viven e traballan en Compostela e que favoreza a convivencia ordenada entre residentes e visitantes, así como o interese por deseñar e planificar as políticas públicas máis adecuadas para estes fins".
Con este obxectivo, ambas institucións traballarán conxuntamente durante este ano "para analizar a situación e estudar as posibles medidas a poñer en marcha no futuro para ter un turismo sostible, equilibrado, seguro e responsable, medidas tomadas sempre da man do sector", sinalou Míriam Louzao, para quen a USC "é a mellor entidade para levar a cabo este obxectivo pois ten os profesionais co coñecemento experto en diversas disciplinas que estuda e investiga ao longo do ano".
Este convenio enmárcase dentro do Plan de Turismo Sostible posto en marcha polo Concello con Turismo de Galicia e o Ministerio de Turismo. O orzamento para a execución das actuacións previstas neste convenio ascende á cantidade de 143.217 euros das que a achega do Concello será de 120.000 euros. O prazo de execución será de 12 meses desde a súa sinatura.
Entre as actuación que se levarán a cabo, a edila detallou os estudos sobre o impacto actual do turismo no concello e sobre a implantación da taxa turística, unha batería de propostas normativas co obxectivo de facilitar a convivencia entre turistas e poboación local, unha plataforma en liña de escoita permanente para facilitar a comunicación co sector e coa cidadanía afectada que se canalizará a través de 6 mesas de traballo temáticas, un modelo de gobernanza permanente, informes periódicos sobre a evolución do turismo ou un plan de comunicación e difusión.